Novas

Unha nova oportunidade para as entidades de formar parte da marca turística do Xeodestino Costa das Ondas

Como cada ano, abrimos de novo o proceso de adhesión á marca turística do xeodestino Ferrolterra, Costa das Ondas. Unha nova oportunidade de formar parte desta iniciativa para o traballo e promoción conxunta das diferentes entidades do sector turístico vinculado ao surf.

Dende o día 8 de novembro iniciamos un novo proceso de adhesión para todas aquelas entidades do territorio que dediquen a súa actividade ao turismo e estean ademais ligadas ao surf. Para participar só é preciso cubrir o seguinte formulario, no que a persoa interesada aportará os datos de contacto e da súa actividade: https://form.typeform.com/to/lQNwlJyD

Unha vez pechado o prazo de adhesión, o equipo técnico poñerase en contacto con todas as entidades que cubrisen o formulario para formalizar a adhesión e completar a información que sexa necesaria, así como resolver calquera dúbida que poida xurdir.

Adherirse á Costa das Ondas é unha forma máis de fomentar o traballo colaborativo entre as entidades dun mesmo sector. Unha canle para dar visibilidade e promoción aos servicios do territorio a través de diferentes campañas de promoción online e offline, así como unha oportunidade para beneficiarse das actividades de información, formación e profesionalización que se levan a cabo dende o proxecto.

Quen pode formar parte?

Todas aquelas entidades do sector turístico con relación –  directa ou indirecta –  co surf ou establecementos que conten con clientes amantes do surf: escolas de surf, surf camps, surf houses, tendas de material, shapers, hostalaría, aloxamentos, asociacións… entre outras. As entidades que queiran formar parte desta iniciativa deberán estar emprazadas dentro do territorio do xeodestino Ferrolterra, nalgún dos seguintes municipios:

Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

 

Acerca do autor

Entradas relacionadas