News

Xornada de participación orientada a profesionais para o impulso do sector turístico vinculado ao surf

O vindeiro mércores 15 de novembro ás 18:30h celebrarase unha nova Xornada participativa, en modalidade presencial, no Océano Surf Museo. A xornada estará dirixida a todas aquelas persoas, empresas ou entidades que traballan no sector turístico vinculado ó surf ou que lles gustaría emprender dentro deste ámbito.

As persoas con interese neste sector – tanto se pertencen xa á marca Costa das Ondas, coma se non – poderán resolver moitas dúbidas relativas ao emprendemento, liñas de axudas dispoñibles, normativa sectorial, axudas europeas para o sector turístico, a través dos fondos Next Generation ou proxectos relacionados que traballan na activación do sector.

A xornada será de carácter participativo; as persoas asistentes terán a ocasión de trasladar as súas suxestións ou propostas que se traballarán, de xeito colaborativo, ao longo da sesión. Así, recompilarase información sobre as preocupacións e intereses do sector.

A finalidade do evento será dotar de ferramentas aos e ás profesionais do sector, estimulando a creación de novas actividades e a busca de oportunidades. Tamén será unha boa ocasión para crear sinerxías entre o persoal do sector turístico vinculado ao surf, onde poderán xurdir novas colaboracións empresariais. As persoas ou entidades do territorio que aínda non formen parte da marca Costa das Ondas, terán a oportunidade de coñecer un pouco máis sobre o proxecto e os traballos que se desenvolven a través desta iniciativa.

Todas aquelas persoas que teñan interese en participar e asistir poderán facelo a través do seguinte formulario: https://form.typeform.com/to/d9aZ1eK0

Animádevos a participar, aprender e compartir as vosas propostas ou inquietudes para un sector aberto a novas actividades.

About the author

Relative Posts